Transparencia

Estatutos da Asociación

Consulta o marco normativo que rexe o funcionamento do ANPA A Faxarda do CEIP Gregorio Sanz.

Última Adaptación11 de outubro de 2002 (Adaptación á L.O. 1/2002)
📄 DESCARGAR PDF OFICIAL
§

TÍTULO I: DENOMINACIÓN, ÁMBITO E DOMICILIO

ANPA
  • Art.1º. Esta asociación constitúese no Concello de Ribadeo, denominándose "ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUNOS/AS A FAXARDA DO COLEXIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMÁRIA GREGORIO SANZ", e rexerase pola vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Direito de Asociación e demais lexislación existente en matéria de Asociacións que lle sexa aplicábel, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.
  • Art.2º. Son fins da Asociación:
    1. Elevar propostas ao Consello Escolar para a elaboración do proxecto educativo e ao equipo directivo para a elaboración da programación xeral anual.
    2. Informar ao Consello Escolar e á Dirección de aqueles aspectos da marcha do centro que se considere oportuno.
    3. Demandar das autoridades educativas as solicitudes de melloras ou actuacións que se consideren oportunas.
    4. Trasladar aos/ás asociados/as a información recibida a través dos seus representantes no Consello Escolar sobre os temas tratados nel.
    5. Formular propostas para a realización de actividades complementárias e extraescolares.
    6. Organizar actividades extraescolares.
    7. Promover reunións e actividades dirixidas á información e adecuada formación dos pais/nais sobre aspectos relacionados co ensino e a problemática infantil.
    8. Exercitar os dereitos recoñecidos ás ANPAs na normativa vixente.
    9. En xeral, colaborar co profesorado e demais membros da comunidade educativa na boa marcha do CEIP.
  • Art.3º. O domicílio da Asociación será o do Coléxio de Educación Infantil e Primária Gregório Sanz de Ribadeo (Avda. de Luarca, s/n; C.P.: 27.700 – Ribadeo)
  • Art.4º. O ámbito territorial de actuación da Asociación comprende o concello de Ribadeo. Constitúese por tempo indefinido e disolverase, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos/das asociados/as expresada en Asemblea Xeral convocada ao efecto, ou por calquera das causas previstas nas leis, así como por senténcia xudicial firme.
  • Art.5º. A Xunta Directiva, como órgano de representación da asociación, será competente para interpretar os preceitos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en matéria de Asociacións.

Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das suas respeitivas competéncias.

§

TÍTULO II: DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN

ANPA
  • Art.6º. A Dirección e Administración da Asociación serán exercidas polo/a Presidente/a, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  • Art.7º. O/A presidente/a da Asociación, que o será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.
  • Art.8º. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación, de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada por un/unha Presidente/a, un/unha Vicepresidente/a, un/unha Secretário/a, un/unha Tesoureiro/a e un número de vocais que pode oscilar entre un mínimo de 9 e un máximo de 17.
    • Procurarase que todas as parróquias do Concello (Ribadeo, A Devesa, Rinlo, Vilaframil, Piñeira, Vilaselán, Ove, Cubelas, Cedofeita, Arante, Vilaosende e Couxela) así como os lugares de Piñeiro, Noceda e As Anzas esteñan representados mediante vocal na Xunta Directiva. Nese caso corresponderá aos própios/as asociados/as das parróquias e lugares mencionados determinar a persoa que os represente. O resto dos vocais serán elexidos en Asemblea Xeral.
    • Para formar parte da Xunta Directiva só é necesário presentar a candidatura na própia Asemblea ao efecto. A Asemblea poderá vetar a un candidato, prévia argumentación dos que propoñan a medida, se así o acordaran os 2/3 dos/das asistentes. En caso de exceder o número de candidatos do número máximo de membros da Xunta Directiva, derivados da suma dos catro cargos e do número máximo de vocais –unha vez descontados os vocais de representación parroquial mencionados no parágrafo anterior– resultarán elexidos, até completar ese máximo, aquelas persoas que obteñan o maior número de votos. A votación realizarase a man alzada ou de forma secreta se así o demanda a metade máis un dos asistentes. En caso de votación secreta corresponde á Asemblea Xeral decidir por maioria o mecanismo de votación e os integrantes da mesa eleitoral.
    • Só poderán formar parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociados/as, que sexan maiores de idade, teñan o pleno uso dos direitos civis e non estexan incursos nos motivos de incompatibilidade estabelecidos na lexislación vixente.
  • Art.9º. Calquer membro eleito da Xunta Directiva poderá realizar propostas de cargos da Asociación -Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretário/a e Tesoureiro/a-. En caso de haber máis de unha proposta resultará elixida de entre todas elas aquela que obteña máis votos, tras un prévio proceso no que se fará a apresentación de cada unha delas e do seu programa de goberno pola persoa que as encabece. En todo caso nas propostas que se realicen deberán estar perfectamente determinados e distribuídos os distintos cargos entre os seus integrantes.
    • Os cargos da Xunta Directiva terán un mandato de un curso académico, procedéndose a renovación de todos os cargos e vocais en cada Asemblea Xeral ordinária de inícios de curso.
  • Art.10º. Os/as membros da Xunta Directiva non percibirán retribución polo cargo desempeñado, aínda que si compensación económica dos gastos xustificados pola sua labor.
  • Art.11º. É función da Xunta Directiva, programar e dirixir as actividades sociais, e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, sometendo á aprobación da Asemblea Xeral as actuacións previstas así como o estado de contas do ano anterior.
  • Art.12º. A Xunta Directiva celebrará as suas sesións cantas veces o determine o/a Presidente/a, a iniciativa própria ou a petición de polo menos tres dos seus compoñentes. Será presidida polo/a Presidente/a e, na sua auséncia, polo/a Vicepresidente/a, e a falta de ambos os dous, polo/a Secretário/a ou o Tesoureiro/a, por esta orde.
    • Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados por maioria de votos dos asistentes, sendo precisa a concorréncia, polo menos da metade máis un dos seus membros, debendo estar presentes como mínimo dous dos catro cargos da Asociación, a saber: Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretário/a e Tesoureiro/a. Levantará acta da sesión o/a Secretário, ou no seu defecto, a persoa que así determinen os membros presentes.
  • Art.13º. Os membros da Xunta Directiva poderán delegar en un/ha ou vários/as membros da própria Xunta a preparación de determinados actos ou actividades, ou a consecución das informacións ou realización das labores que se considere oportuno.
  • Art.14º. O/A Presidente/a da Xunta Directiva terá, ademais das faculdades asignadas no Art. 7º, as seguintes atribucións:
    1. Convocar e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións de unha e outra, decidindo con voto de calidade no caso de empate.
    2. Propór o plano de actividades da Asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as suas tarefas.
    3. Ordenar pagamentos acordados validamente.
    4. O/A Presidente/a estará asistido/a nas suas funcións polo/a Vicepresidente/a, que ademais o substituirá nos casos de vacante, auséncia ou enfermidade.
  • Art.15º. O/A Secretario/a recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de Rexistro de Sócios/as e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade.
  • Art.16º. O/A tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente. Así mesmo, formalizará o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior, que deben ser apresentadas á Xunta Directiva, para que esta, á sua vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral.
  • Art.17º. Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva terá os deberes próprios do seu cargo, así como os que nazan das delegacións ou comisións que a própria Xunta lles encomende.
    • Incumbirá de maneira concreta ao/á Secretário/a, velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en matéria de Asociacións, custodiando a documentación oficial da entidade e facendo que cursen á Delegación Provincial da Conselleria de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as comunicacións sobre designación da Xunta Directiva, celebración de Asembleas Xerais, formalización do estado de contas e aprobación dos orzamentos anuais.
  • Art.18º. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de governo da Asociación, integrada polos asociados, que adopta os seus acordos polo princípio maioritário ou de democrácia interna, e que se reunirá sempre que o acorde a Xunta Directiva, por própria iniciativa ou cando o solicite a décima parte dos asociados/as.
    • Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinária, polo menos unha vez ao ano, para aprobar o Plano Xeral de actuación da Asociación, censurar a xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ao ano anterior e cantas outras se sometan á votación no capítulo de rogos e perguntas.
  • Art.19º. A Asemblea Xeral convocarase polo Xunta Directiva, con carácter extraordinário, cando o esixan as disposicións vixentes, o acorden os membros da Xunta Directiva ou o solicite un número de asociados non inferior ao 10 por cento, e, en todo o caso, para a modificación dos Estatutos, así como para elixir os membros da Xunta Directiva, disposición ou alleamento de bens, determinación de retribucións dos membros da Xunta Directiva, disolución da Asociación, expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva, aprobación do regulamento de réxime interno da asociación e a solicitude da Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da sua competéncia a Constitución de Federacións, Confederacións ou Unións, ou a sua integración nelas.
  • Art.20º. As convocatórias das Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinárias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día, con unha antelación mínima de tres días. Así mesmo deberá publicitarse esa mesma convocatória no semanário e nas emisoras de rádio locais.
    • Igualmente incluiranse na orde do día aqueles asuntos propostos por un número de asociados/as non inferior ao 10 por 100, sempre que as apresenten perante o Secretário da Xunta Directiva previamente á realización da convocatória.
  • Art.21º. Os acordos da Asemblea Xeral adoptarán-se por maioria simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos. Non obstante, requirirán maioria cualificada das duas terceiras partes das persoas presentes ou representadas, os acordos relativos á disolución da asociación, modificación dos Estatutos e disposición ou alleamento de bens.
  • Art.22º. A Xunta Directiva reserva-se o direito de decisión sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatíbeis coas xa existentes e non estexan en contradición coa Lei vixente reguladora do direito de asociación e demais disposicións regulamentárias que a desenvolvan.
  • Art.23º. Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a via para recorrer perante a xurisdición ordinária.
  • Art.24º. A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados/as, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do património, do resultado e da situación financeira da entidade, así como as actividades realizadas, efectuará un inventário dos seus bens e recollerá nun libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
§

TÍTULO III: DOS/DAS ASOCIADOS/AS, DIREITOS E OBRIGAS

ANPA
  • Art.25º. Poderá ser membro da Asociación, libre e voluntariamente, toda nai ou pai de aluno/a do CEIP Gregorio Sanz. Ambos, nai e pai, poderán exercer os seus dereitos como sócios aboando unha soa cota, agás no referente ao dereito de voto, que corresponderá exercitar a aquel dos dous que entre eles determinen; en caso de discrepáncia sobre quen debe exercer ese dereito, corresponderá á nai/pai que figure como 1º sócio nos listados da Asociación.
    • A Asemblea Xeral, previa proposta da Xunta Directiva, poderá nomear membro honorário a aquela persoa que teña demostrado especiais virtudes de mérito e/ou capacidade en relación coa actividade da Asociación.
    • Igualmente, prévia proposta da Xunta Directiva, a Asemblea Xeral poderá aceptar como membros aderidos as nais/pais de ex alunos/as que voluntariamente desexen seguir colaborando coa asociación.
    • Os membros honorários e os membros aderidos poderán asistir ás Asembleas xerais con voz pero sen voto, e en ningún caso ostentarán a condición xurídica de asociado.
    • As persoas fisicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercício do direito.
  • Art.26º. As persoas que desexen pertencer á Asociación deberán solicitalo de calquer membro da Xunta Directiva, aboando a cota anual de sócio/a da maneira na forma estabelecida.
  • Art.27º. Os/as asociados/as poderán solicitar a sua baixa na Asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non os eximirá de satisfacer as obrigas que teñan pendentes con ela.
    • A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles asociados que cometeran actos que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, así como adoptar calquera outra medida disciplinaria contra aqueles. A separación ou expulsión, así como calquera outra medida disciplinária adoptada, será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tais medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción. Este acordo, en todo caso, deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral polos dous tércios dos membros presentes, e contra a sua resolución poderá-se recorrer perante a xurisdición ordinária.
  • Art.28º. Os Asociados terán os seguintes direitos:
    1. Participar nas actividades que promova a Asociación e nos actos sociais que organice para todos os asociados.
    2. Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.
    3. Asistir e exercitar o direito de voz e voto nas Asembleas Xerais.
    4. Ser nomeado membro da Xunta Directiva, na forma que prevén os Estatutos.
    5. Ser informado sobre a composición da Xunta Directiva da asociación.
    6. Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todos os anos, así como o desenvolvimento da sua actividade.
    7. A impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrários á lei e aos Estatutos.
  • Art.29º. Os/as asociados/as poderán ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxir os presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea Xeral ou a própria Xunta Directiva. As sancións poden comprender desde a suspensión temporal de algúns dos seus direitos na forma que así determine a Xunta Directiva, ata a separación definitiva da Asociación, nos mesmos termos que prevé o artigo 27º.
  • Art.30º. Serán obrigas de todos/as os/as asociados/as:
    1. Compartir finalidades da asociación e colaborar para a consecución das mesmas.
    2. Observar unha boa conduta individual e cívica.
    3. Acatar os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral.
    4. Aboar as cotas periódicas, derramas e outras contribucións que acorde a Asemblea Xeral.
    5. Desempeñar fielmente as obrigas inerentes ao cargo que desempeñen.
    6. Cumprir o resto de obrigas que resulten destes Estatutos.
§

TÍTULO IV: RÉXIME ECONÓMICO E DISOLUCIÓN

ANPA
  • Art.31º. A Asociación carece de património relevante e o seu orzamento anual é indeterminado ou, no seu caso, será o que se determine a princípios de cada curso escolar pola Asemblea Xeral.
  • Art.32º. A data de peche do exercício económico da asociación sera a de 31 de agosto, e as contas da asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral. Calquer asociado/a que así o demande do Tesoureiro/a terá dereito á prévia comprobación das facturas e xustificantes de ingresos e gastos nos sete días anteriores e posteriores ao momento de celebración da referida Asemblea Xeral.
  • Art.33º. Os recursos económicos previstos para o desenvolvimento das actividades sociais serán os seguintes:
    1. As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.
    2. As cotas extraordinárias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
    3. Os produtos dos bens e direitos que lle correspondan, así como as subvencións, legados, doazóns que poida recibir en forma legal.
    4. Os ingresos que obteña a Asociación mediante o exercício de actividades económicas lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva, incluídas as prestacións de servizos, deberán destinar-se exclusivamente ao cumprimento dos seus fins estatutários.
  • Art.34º. A administración dos fondos da Asociación, levará-se a cabo sometida á correspondente información e coa publicidade suficiente, a fin de que todos os/as asociados/as poidan ter coñecimento periodicamente do destino dos mesmos, sen prexuízo do direito consignado a este respeito no apartado g) do art. 30º destes Estatutos.
  • Art.35º. No caso de disolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución, nomeará unha Comisión Liquidadora, composta por cinco membros, a cal farase cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houber, sexa entregado a beneficio do CEIP Gregorio Sanz.
    • Así mesmo, no caso de insolvéncia da asociación, a Xunta Directiva, ou, se é o caso, os liquidadores nomeados pola Asemblea Xeral, promoverán de inmediato o oportuno procedimento concursal perante o xuíz competente.
§

DILIXÉNCIA

ANPA

Para facer constar que estes Estatutos da Asociación de Nais e Pais A Faxarda do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo foron modificados para adaptalos ás previsións da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinária celebrada ao efecto o día 10 de outubro de 2002.

Ribadeo, 11 de outubro de 2002.

Firmado por Secretario/a y el Presidente/a

§

VISADO

ANPA

Por resolución de esta delegación provincial, de fecha 1 de julio de 2004, se acordó el sellado y visado de los presentes estatutos de la asociación denominada "ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS A FAXARDA DO COLEXIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA GREGORIO SANZ", de Ribadeo, inscrita por Resolución de 30/01/1979, adaptados a la L.O. 1/2002, de 22 de marzo, por acuerdo de la asamblea general extraordinaria celebrada al efecto el día 10 de octubre de 2003, así como a la modificación de los mismos (art. nº1 nueva denominación: "ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS A FAXARDA DO COLEXIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA GREGORIO SANZ"). La referida asociación se halla inscrita en el registro provincial de asociaciones con el número 1979/00199 de la sección primera.

Lugo, 1 de julio de 2004

Firmado por el Delegado Provincial Manuel Teijeiro Álvarez

Datos de Rexistro

Domicilio Social

Avda. de Luarca, s/n
27700 Ribadeo (Lugo)

Identificación

ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUNOS/AS A FAXARDA DO COLEXIO DE EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA GREGORIO SANZ
Registro provincial de asociaciones inscrición nº 1979/00199 de la sección primera